Friday 03 de May de 2024

Santa Margarida acolle este sábado o Día da Ciencia na Rúa, con 48 centros escolares, concerto da Banda Municipal e diferentes actividades paralelas


A entrada á Domus e Casa das Ciencias será gratuíta e as reservas para visitar o Aquarium Finisterrae xa están esgotadas

O parque de Santa Margarida acollerá este sábado 6 de maio unha nova edición do Día da Ciencia na Rúa. Este evento ten como protagonistas principais ao alumnado e profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas que traen as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia e a tecnoloxía. Esta xornada está organizada polo Concello da Coruña, a través dos seus Museos Científicos, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC, ademais de coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Na edición deste ano participarán un total de 48 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda. Cada centro levará os proxectos que desenvolveron durante o ano, como xiroscopios xigantes, análise de graxas nos alimentos, ilusións ópticas, hotel de insectos, electricidade con patacas, proxectos de xardinaxe, de robótica, de domótica ou xogos matemáticos.

Tamén participan coas súas achegas divulgativas numerosas entidades e institucións vencelladas á actividade científica. A Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), a Cátedra Emalcsa-UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a Asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Actividades paralelas e xornada de portas abertas nos museos

Por outra banda, haberá diferentes actividades paralelas para todos os públicos. Seis cabezudos, que representan a científicos históricos (Isaac Newton, Albert Einstein, Arquímedes, Marie Curie, Jacques Cousteau e Charles Darwin), percorrerán a cidade pola mañá animando a cidadanía a participar no Día da Ciencia na Rúa. Pola tarde, quedarán no parque de Santa Margarida acompañando o público.

A Banda Municipal de Música da Coruña, como xa é tradición, actuará na escalinata fronte a Casa das Ciencias ás 12.00 horas. Tamén haberá unha sesión de monólogos científicos de 17.00 a 18.00 horas, levada a cabo polo colectivo Ciencia Calidade. Durante toda a xornada haberá xogos aos que será necesario apuntarse no posto de organización.

Por outra banda, nesta xornada o acceso aos Museos Científicos será gratuíto. A entrada á Domus e a Casa das Ciencias será libre, mentres que para o Aquarium Finisterrae xa non quedan invitacións. Para asistir a unha sesión do planetario, de 11.00 a 18.00 horas, será necesario retirar as invitación que se repartirán na recepción da Casa das Ciencias media hora antes de cada sesión.